Resultados de CoruñAves 2015


O sábado día 28, logo de terse aprazado a primeira convocatoria da nosa tradicional Maratón Ornitolóxica por mal tempo, e, a pesar do mal tempo, 35 participantes de todas as idades animáronse a percorrer a cidade en busca das diferentes especies de aves que conviven con nós.

As equipas repartíronse por A Coruña, provistos de telescopios e prismáticos e guiados por un naturalista con experiencia. Así puideron gozar non só daquelas especies consideradas máis urbanas e que se atreven a soportarnos día a día, como pardais, merlos e gaivotas patiamarelas, se non que, grazas ás indicacións dos membros do Grupo sobre cando, onde e como observar, puidéronse ver desde rapinas como o lagarteiro, o gabián ou o miñato, ata aves mariñas peláxicas que se refuxian do temporal dentro da ría e dos portos como mascatos, gaivotóns ou araos carolos. Tamén avistáronse aves moi especializadas na súa alimentación, como o mazarico chiador, o virapedras, os pilros común e escuro, ou os biluricos claros e patirrubios, e especies máis xeralistas como os córvidos (pega rabilonga, pega marza, corvo e choia), aves grandes coma o cisne, de máis de 2,5 m de envergadura, ou pequenas coma o carrizo, de apenas 10 gramos de peso. 


Os participantes sorprendéronse de comprobar que aves como o picapeixe, a garza real ou a garzota empregan a ría como lugar de alimentación e repouso pasando practicamente desapercibidos entre os cidadáns, de que as derradeiras hortas da cidade poidan conservar aínda bandos de xílgaros, verderolos, liñaceiros e pimpíns nos seus barbeitos, de que nas sebes canten papuxas e escribentas,e de que o ruído do tráfico no oculte o canto de aves coma o roiseñol bravo, extremadamente tímidas pero doadamente detectables se en vez de ollar escoitamos... podendo descubrir un autentico mundo oculto para aqueles que o queren ver.

En total 67 especies en catro horas, nun ambiente de cordialidade e camaradería, onde se achegou un pouco máis a natureza aos cidadáns da Coruña, felicitando ao grupo formado por Javi Lodeiro, Adán Gonçalves, Sandra Villarquide, Atocha Ramos e Damián Romay, gañadores da proba con 56 especies.

Mira aquí os equipos participantes, os lugares visitados, e o listado de aves observadas.

As fotos tamén están dispoñibles no noso Facebook.

No hay comentarios: