III Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre": o encoro que nunca dorme



Un ano máis, o Grupo Naturalista Hábitat, da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa), comprácese en organizar o III CERTAME DE DEBUXO DA NATUREZA "Vida silvestre do encoro de Cecebre", cunha temática este ano que xira ao redor das especie animais de hábitos nocturnos, o que nos leva a bautizar esta convocatoria co sobrenome de O encoro que nunca dorme.

Coa posta en marcha desta actividade preténdese implicar á xente no contacto co seu contorno, a través do debuxo da flora e fauna silvestre presente nun espazo natural protexido como é o encoro de Cecebre, incluído no Reserva da Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo". Así mesmo, de entre as obras achegadas seleccionaranse aquelas que pasarán a ilustrar o Calendario 2016 da nosa entidade.

A inscrición é de balde e aberta á cidadanía, non sendo preciso ter aptitudes nin coñecementos en ilustración para poder participar, tan só as ganas de gozar da natureza a través do seu debuxo. Haberá dúas categorías diferentes (menores e maiores de 14 anos) e premios en todas elas para as obras máis salientables.

O pasado ano achegáronse máis de 240 obras de multitude de participantes de todas as idades. Anímate a participar, difúndeo e axúdanos a superarnos este ano!

O prazo de peche de inscricións e entrega dos debuxos remata o vindeiro venres 6 de novembro de 2015.

Descarga aquí os arquivos necesarios para a túa participación:
- Bases reguladoras da convocatoria
- Ficha de inscricíón
- Cartaz do certame

Nuns días colgaremos un novo vídeo promocional para a difusión do evento, no volo perdades!

No hay comentarios: