Conferencia "Busca linces y encontrarás meloncillos"_Encontros Naturalistas decembro 2015



Tal e como vimos de anunciar nos días anteriores, despediremos as actividades do 2015 cunha última e estupenda xornada dos nosos Encontros Naturalistas, da man dun vello amigo e experto biólogo, quen ano tras ano por estas datas adoita compartir connosco o seu coñecemento sobre o patrimonio natural.

A actividade consistirá nunha conferencia que leva como título "Busca linces y encontrarás meloncillos", impartida polo Dr. Carlos Nores Quesada, profesor da Universidade de Oviedo, Vicepresidente da Fundación Oso Pardo e experto na bioloxía, distribución e conservación dos mamíferos, quen ven de publicar ao respecto un artigo na revista científica Chioglossa do Grupo Naturalista Hábitat, e para o cal o autor apoiouse nos dous exemplares naturalizados de furatoxos (Herpestes ichneumon) -nome galego do “meloncillo”- que compoñen a colección depositada na Domus e doada ao Concello da Coruña polos herdeiros de Víctor López Seoane, reputado naturalista e profesor coruñés do século XIX, e que serán mostrados na xornada para a súa posta en valor.

Ao longo da charla falarase da historia desta especie de carnívoro presente na Península Ibérica, e porase en valor o descubrimento da súa descrición por Pérez de Castro no Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, combinando historia natural, material científico e experiencias, nunha iniciativa que pretende achegar o coñecemento da natureza á cidadanía.

A actividade, organizada por Hábitat, conta coa inestimable colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, e terá lugar na Domus (R/Ángel Rebollo 91. A Coruña) o vindeiro martes 29 de decembro ás 20h. A asistencia é de balde e aberta ao público, ata completar o espazo, polo que dende Hábitat pregamos confirmedes a vosa presenza chamando ao 981 135 014 ou enviando un correo electrónico co asunto "Meloncillo" e os vosos datos a gnhabitat@yahoo.es.

Na seguinte ligazón poderedes descargar o cartaz da conferencia.

Dende Hábitat agradecemos a difusión desta actividade.

Agardámosvos!!

Colabora:


No hay comentarios: