Calendario 2016 do G.N.Hábitat, xa dispoñible!



Comprácenos comunicarvos que xa está dispoñible o calendario 2016 do G.N.Hábitat, que xorde como resultado das obras gañadoras na III convocatoria do Certame de Debuxo da Natureza Vida silvestre do encoro de Cecebre, bautizada baixo o subtítulo de "O encoro que nunca dorme".

Todos os socios de Hábitat que queiran recoller o seu exemplar impreso, poderanse poñer en contacto con Hábitat (gnhabitat@yahoo.es / 981 135 014) para xestionar a entrega. Así mesmo, a todos os gañadores no certame foilles enviado un correo electrónico ao contacto que indicaron na ficha de inscrición, onde constan as indicacións a seguir para poder recoller o exemplar impreso co que lles queremos agasallar.

De todos os xeitos, dende Hábitat, comprometidos coa divulgación ambiental, queremos facer novamente que esta publicación sexa accesible a todo aquel que a queira ter, podendo gozar das ilustracións e textos que a compoñen, polo que poñemos a disposición de todos os interesados a posibilidade da súa descarga gratuita (formato .pdf) dende a seguinte ligazón: descarga do Calendario 2016.

Dende Hábitat seguimos traballando na exposición pública de todas as obras achegadas nesta convocatoria (170 ilustracións), agardando que en poucos días xa poda estar aberta ao público na sala de exposicións de Emalcsa (rúa Manuel Murguía, s/n. Edificio Casa del Agua, planta baixa. 15011, A Coruña). Unha vez estea lista, comunicaremos a súa apertura neste blog. Así mesmo, traballamos tamén na organización do acto de entrega de premios, que procuraremos facer no vindeiro mes de febreiro, e cuxa data definitiva será comunicada neste blog, así como de xeito directo a todos o gañadores do certame.

O debuxo como ferramenta para a implicación cidadá no contacto co seu contorno natural. Esta é a finalidade principal do Certame de Debuxo da Natureza, que un ano máis vimos de organizar dende o Grupo Naturalista Hábitat da man de Emalcsa.

Moitas grazas a todos os participantes!